Os porqués do NON á ampliación do Aeroporto de Alvedro

Polémica de principio a hoxe – O aeroporto de Alvedro inaugurouse nos anos 60 – O proxecto inicial denominábao “aeródromo” – Voo 118 de Aviaco (accidente aéreo 1973) – Segundo o alcalde da Coruña, as obras comezarán en breve – En 2015, o tren de alta velocidade unirá A Coruña con Madrid en algo máis de dúas horas – Ryanair di NON á Coruña; a marcha de Easyjet – 46 vivendas, dúas empresas e unha escola son afectados directos; indirectos serán todos os que precisen insonorizacións – Motivos políticos, localismo – Crecemento da Coruña e área metropolitana – A ampliación sustentarase nun noiro de 35 metros de altura – Ao aeroporto, pouco crecemento na cidade pode atribuírselle e ningún se garante coa ampliación

O aeroporto de Alvedro inaugurouse o 25 de maio de 1963, tras a aprobación, de carácter urxente, polo Consejo de Ministros da España de Franco, do seu proxecto de construción, en 1953. Xa nesta última data o aeroporto compostelán de Labacolla levaba en funcionamento nada menos que case 20 anos. A súa existencia, dende a súa etapa máis embrionaria, nunca estivo exenta de polémica e oposición. Esta polémica e disputa foi engordando ao longo dos últimos anos, sobre todo co coñecido proxecto de ampliación de pista, que afecta gravemente ao entorno.

Pero comecemos polo principio. Nos anos 50 comezouse a saber que se construiría un aeródromo na zona da Coruña e/ou comarca. Debatíase a posibilidade de construílo nun lugar dos varios que se barallaban: o monte da Zapateira (co que A Coruña podería decidir sobre e para si mesma, no canto de ter que negociar continuamente con outro concello), a zona de Laracha, o alto de Alvedro ou unha zona preto de Mera, Oleiros (opción menos coñecida que as outras). A opción escollida finalmente, como todos sabemos, foi a de Alvedro, xa que está situado a escasos 10 quilómetros do centro da cidade da Coruña,bastante ben comunicado, na estrada a Santiago.

A creación do aeroporto en territorio de Culleredo supuxo un impacto, non só medioambiental, senón tamén social. O terreo escollido para acometer a obra non era o axeitado, dende un primeiro momento, por cuestións orográficas. O alto de Alvedro non era todo o longo necesario e houbo que encher o terreo que baixaba (Culleredo-Liñares) a golpe de terra e pelouros. O sitio de onde máis rendeu tirar esa materia prima foi o Monte Costa de Culleredo. Simplificando, o que se fixo foi cortar o curuto ou parte superior dun monte para tapar o burato que había xusto enfronte, a poucos centos de metros. Así tamén desapareceu un posible obstáculo para que algúns avións que arribaban deica a cabeceira sur aterraran doadamente. Dende o punto de vista social, moitas familias víronse obrigadas a marchar dos seus fogares e varios lugares perderon conexión entre eles (Culleredo, Alvedro, Liñares). A día de hoxe non é estraño ver voar un avión practicamente á mesma altura que os coches que circulan pola avenida de San Miguel de Culleredo

Ver mapa más grande.

A día de hoxe, o aeroporto coruñés non é o principal de Galicia, nin moito menos. Nos últimos anos vén movendo arredor dun millón de pasaxeiros ao ano, e sempre foi ascendendo en cantidade, agás nos dous últimos exercicios (anuais), nos que experimentou unha lixeira baixada. A variedade de destinos, compañías e prezos poden ser causas para que os viaxeiros prefiran o aeroporto da capital galega, por exemplo, ao da Coruña. Tamén, estar centricamente situado en Galicia, e con fácil acceso dende case todas as cidades, e o feito de ser o veterano dos aeroportos da terra, poden ter algo que ver.

Chegados a este punto, e co cambio de século, as autoridades políticas estimaron oportuno que o aeroporto de Alvedro aumentase a súa lonxitude de pista (hoxe uns 1.950 metros) até medio quilómetro máis (actualmente rebaixouse e proxéctase un aumento duns 400 metros, seguramente pola dificultade da obra). Só son 400 metros, que, perante case dous quilómetros de pista, que é o que poden supor? Aparentemente, os custes son máis negativos do que positivos. Continuemos.

Segundo o estudo de impacto ambiental publicado por Aena, a institución pública encargada de xestionar os aeroportos en España, eses 400 metros cun noiro ou talud de 35 metros levará consigo «consecuencias ambientales y sociales de elevada magnitud» no que recoñece como «un medio natural de elevada calidad ambiental y cultural». De onde se quitará esa terra necesaria (catro millóns de metros cúbicos)?. Vexámolo.

As obras ou a ampliación en si non serán o único problema do proxecto. A parte dos 200.000 metros cadrados que serán arrasados, moitos preguntaranse de onde se sacará a terra para tan faraónica obra. Pois parece ser, segundo Aena, que “as obras requerirán catro millóns de metros cúbicos de terras que se obterán dos montes Coto de Fontemaior, Costa -que aportou material para outras obras no aeroporto-, Runs, O Coto, San Miguel e O Picota -entendo que se trata de o que chaman Picoto-, todos nun radio de cinco quilómetros respecto ao aeroporto.

E iso non é todo, xa que o medio da zona tamén ficará gravemente tocado: a capela de San Cosme e a súa entorna, un legado dos nosos devanceiros, tanto cultural como natural vai quedar moito máis desprotexida e vulnerable, nos límites dos terreos dinamitados. E isto vai máis alén, o verde e fértil val de Veiga, rural, e habitado por unhas 4.000 persoas, será o posible seguinte afectado, xa que as súas xentes perderán sensiblemente o seu nivel de vida e benestar, e iso sen contar con que perderán o horizonte norte, tamén dinamitado. Altas posibilidades de sufrir tamén para o monte Xalo, o cume máis alto de toda a comarca das Mariñas dos Frades (ou simplemente comarca da Coruña, como lle chaman agora. Cando sucedeu este cambio de nome…?) símbolo de admiración para as súas xentes, e espazo ambiental e forestal único. Hai que protexer este reino do silencio de natureza, da contaminación acústica e ambiental. E non só iso, xa que a súa altura, tan preto do aeroporto, tampouco ha ser boa para as aeronaves que pretenden aterrar en Alvedro (precisamente, o aeroporto ampliaríase cara este lado). Xalo e aeroporto non se van levar ben.

Tamén Aena recoñece que o patrimonio afectado pagará altos prezos. Xa falamos da ermida de San Cosme, e a antiga Igrexa de Santo Estevo de Culleredo -protexida polo actual PXOM de Culleredo- padecerá, primeiro, o paso de camións e maquinaria pesada durante o período de tempo que duren as obras de ampliación da pista, e despois, que terá que ver a aterraxe de aeronaves -con todo o que iso supón- dende un primeiro plano. O pazo de Culleredo, pola súa banda, correrá con peor sorte e deberá ser demolido ou trasladado -quen correría con este alto custe?-. Sobre a Pedra Abaladoira e o sepulcro romano, di que deberá ser avaliado durante as obras, por “descoñecerse a súa localización exacta” -e pregúntome eu, que opcións existen para o caso de seren afectados? Saberemos algo de seren “tocados”?-.

Os impulsores e principais apoios da ampliación do aeroporto de Alvedro ou da Coruña son os dirixentes do concello da cidade, os seus habitantes (talvez por certo “seguidismo”, un termo que me acabo de inventar e que quero que signifique “estou de acordo con todo…” ou “que pensen outros por min…”). Os seus argumentos susténtanse en que o aeroporto supón un piar para o desenvolvemento da comarca, o de atraer o turismo á Coruña, ou simplemente parece unha premisa populista, das de toda a vida, onde construír e facer cousas grandes é o único que conta.

Estes argumentos son facilmente desmontables. O motor do desenvolvemento coruñés non é o aeroporto nin moito menos, nin sequera o é o turismo. Creo que os lectores e mais eu podemos chegar ao común, sen grandes esforzos, de que o que move realmente a cidade e a súa área metropolitana é o comercio, os polígonos industriais de Sabón, A Grela ou o Espírito Santo, ou algunha grande empresa como poderían ser, por exemplo, a multinacional Inditex, ou a refinaría de Repsol-YPF; talvez o Porto da Coruña, o principal de Europa en canto a desembarco de peixe, teña algo que dicir no eido económico.

O alcalde da Coruña, Javier Losada, énchese de orgullo, cada certo tempo, para anunciar “a bombo y platillo” que o aeroporto da Coruña medrará, e farao pronto. O negocio da política trata de vender, como no comercio, pero neste caso ideas, canto máis grandilocuentes, mellor. Iso é o mínimo que ten que saber facer calquera político. E iso é o que fai Losada: manter atordados aos seus votantes cun discurso que eu cualificaría de populista e incluso chauvinista.

Nesta liña, entran os conflitos, por exemplo, co concello de Oleiros, por unha hipotética nova ponte sobre a ría; ou a disputa dos lindes do concello coruñés co de Arteixo á altura da refinería de Repsol, entre Bens e Nostián. Á cidade da Coruña aparécelle agora a cuestión da “convivencia”. Os concellos limítrofes están demasiado preto, e todos buscan o seu ben, tal e como actuamos as persoas como individuos. Tamén é verdade, que as persoas individuais buscamos os pactos e as normas de convivencia en sociedade. Boa mostra disto é a eterna cuestión da entrada ou non da cidade no Consorcio As Mariñas, que agrupa a todos os concellos da área metropolitana. A Coruña pretendía integrarse, mais nas condicións de acceso aínda non hai acordo entre as partes [http://www.laopinioncoruna.es/metro/2010/01/14/seoane-cosas-coruna-integrara-consorcio/350020.html].[ http://www.cope.es/a-coruna/30-12-09--consorcio-mantiene-discrepancias-ayuntamiento-coruna-su-integracion-120918-2] O certo é que parece que estamos nun momento chave para sentar as bases da convivencia para o futuro entre as poboacións da comarca é que hai algúns persoeiros implicados no proceso que parecen non comprender o significado deste concepto.

Volvendo ao aeroporto, se a cidade non quería ter problemas de xurisdición á hora de tratar posibles obras ou outras cuestións semellantes en algo que considera seu, debería ter probado a opción de construílo no monte da Zapateira, dentro dos seus limites municipais. Así, xórdeme a cuestión: Non será que non querían para si o que si quixeron para Culleredo? E con esta mesma pregunta podería interpelar aos que defenden que o aeroporto NON foi construído por e para Francisco Franco, porque senón, din eles, estaría construído en terras de Oleiros e non en Alvedro.

Agora, con tres aeroportos en 150 quilómetros, todos reclamando fondos para si, os tres egoistamente, nin comen nin deixan comer; é dicir, lonxe de demostrarse que só un é necesario, os tres vense prexudicados, e prexudícanse mutuamente. O que tento dicir é que ningún dos tres será un gran aeroporto internacional mentres exista esta disputa, nin mentres non se delimiten unhas capacidades de cada un deles (falo de especialización como unha opción), como unha saída que puider ser viable e factible para os tres, agora que non se pode volver atrás, xa que, dende o principio, tería sido mellor planificar o “reparto aeroportuario” de outro xeito. Importa moito o servizo que se presta á poboación e atraer o turismo foráneo, pero tamén importa minimizar os gastos do estado, á fin e ao cabo somos nós quen pagamos os excesos, así que a efectividade ou rendibilidade fanse indispensables (como para todo o mundo, sexa persoa ou organización).

Para ir concluíndo, farei un recordatorio. As compañías aéreas teñen como principal motivación os cartos, e como empresas que son, traballan onde máis diñeiro gañan –recordemos o caso de Easyjet, que a pesar de ser moi rendible, na Coruña, abandonou Alvedro porque noutras rutas “gañaba máis”-. AENA cre que a obra de ampliación da pista levará consigo «consecuencias ambientais e y sociales de elevada magnitud» no que recoñece como «un medio natural de elevada calidad ambiental y cultural». O “pero” do aeroporto de Alvedro é un problema de nacemento, que lonxe de “curarse”, foi medrando no tempo: un aeroporto construído no medio das casas, nunha orografía non de todo favorable –e este conflito podía terse previsto-.

O aeroporto pode seguir operando como continúa facendo polo de agora. Non habería problema, porque non vexo que agora o haxa. Non se pode aludir á seguranza porque partimos da base que se non fora seguro non se permitiría a súa operatividade (e se así se fai, temos dereito a pedir todas as explicacións necesarias).

Como dixo don Manuel, cura de Culleredo, «No estamos contra el progreso. ¡Qué tontería!», e eu engado: que progreso sería ese que arruína o noso benestar e o dos nosos herdeiros sen darnos nada a cambio?

Chuzame! A Facebook A Twitter

Que vai ser de Culleredo?

A pasada fin de semana, José Blanco, ministro de Fomento, visitou A Coruña e a comarca. Entre outras cousas, prometeu que a ampliación do aeroporto de Alvedro licitaríase antes de verán. Semella un tema baladí, mais non se debe obviar. Antes de nada, ao señor ministro pasóuselle que aínda queda resolver as alegacións (case 10.000, e iso a pesar da falta de divulgación) ao estudo de impacto medioambiental. Este estudo de AENA di, textualmente, que o «impacto se ha considerado severo ya que, aunque la zona está compuesta mayoritariamente por tierras dedicadas al cultivo de maíz y hortalizas, las obras para la ejecución del proyecto suponen la expropiación de 46 viviendas unifamiliares, la fábrica de Grafoplas, una carpintería y un colegio de educación infantil», o que tamén inclúe o Pazo de Culleredo, a Pedra Abaladoira e o sepulcro romano. As enormes cantidades de terra necesarias para un recheo de medio km. de longo e 35 metros de altitude, sacaranse dos montes Coto de Fontemaior, Costa -que case non existe dende a construción da pista e Terceira Rolda-, Runs, O Coto, San Miguel e O Picota. O concello de Culleredo (62 km²) practicamente converterase nunha enorme chaira entre A Coruña e o monte Xalo. O clima e o medio ambiente veranse gravemente afectados na zona. Todo isto pagado do noso peto, o de todos, para máis “inri”. E isto non é unha película nin un mal soño. Están realmente tan seguros da necesidade desta crueldade contra a nosa terra? Acaso a fin xustifica os medios?

Chuzame! A Facebook A Twitter

Destrución + Dexación + Autoritarismo = Democracia ?

Algo así é o que deben pensar moitas persoas que viven ou fan a súa vida no Concello de Culleredo e limítrofes cando, cada vez máis, coñecen datos do que pode ser a obra de magna ampliación do aeroporto de Alvedro. A pista ten proxectada unha ampliación de 400 metros (actualmente mide 1900 metros de longo).

Trala publicación do estudo de impacto ambiental soubemos varias cousas. Moita xente se preguntaba de onde se sacaría a terra, materia prima básica, para acometer obra de semellante tamaño. Agora sábese que lles tocou a lotería aos montes de arredor do aeroporto, así, de paso, líbranse de posibles obstáculos aéreos. Os agraciados serían os montes Coto de Fontemaior, Costa -que aportou material para outras obras nol aeropuerto, e na Terceira Ronda, polo que case non existe-, Runs, O Coto, San Miguel e O Picota, todos nun radio de cinco quilómetros respecto do aeroporto.

A metade sur de Culleredo é a zona na que aínda queda unha cantidade aceptable de monte. De se acometer finalmente esta destrución -non ten outro nome-, só quedaría a zona do monte Xalo, compartido cos concellos de Carral, Cerceda e Laracha.

A Coruña é unha cidade con escasas zonas verdes, e cada vez hainas menos na súa chamada «área metropolitana». Con esta obra, a renovación do aire nesta zona sería máis difícil. E sobre todo, tendo en conta que os aeroplanos contaminan abondo.

Alén disto, o clima do val tamén se podería ver gravemente afectado. A protección fronte ao vento que supuñan estes montes vai desaparecer. Un exemplo metafórico sería como abrir todas as fiestras da casa en pleno vendabal. Notaríase?

Segundo o estudo de impacto ambiental publicado por Aena, a institución pública encargada de xestionar os aeroportos en España, eses 400 metros cun noiro ou talud de 35 metros levará consigo «consecuencias ambientales y sociales de elevada magnitud» no que recoñece como «un medio natural de elevada calidad ambiental y cultural». Isto dino eles, non o digo eu.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Ola Mundo!

Aquí nace Culleredo Sur. Esta iniciativa pretende dar a coñecer todos os problemas dunha terra silenciosa e silenciada, tanto aos que poden e deben traballar por e para ela, tanto para os seus veciños, quen, na meirande parte das ocasións, alén de ser os maiores afectados polo que aquí ocorre, tamén son os maiores ingorantes.

Culleredo Sur considera o seu eido de acción a todas aquelas parroquias do sur do concello de Culleredo, o rural deste municipio da área metropolitana da Coruña, os lugares que arrodean o chamado Val de Veiga (aos pés do Monte Xalo). Ten que ser así por seren as aldeas máis olvidadas polas administracións e os medios de comunicación, tanto en infraestruturas, como en servizos, así coma no seu mantemento. Son apenas 5.000 habitantes (aprox.) os que alí moran, repartidos en oito parroquias, que ocupan algo máis da metade dos 62 metros cadrados da superficie do concello cullerdense.

Mais, por cuestións obvias -o noso mundo non é unha illa-, isto non será o único tema de Culleredo Sur. Moitos dos nosos veciños das zonas rurais da comarca coruñesa terán o seu lugar en moitas ocasións neste sitio. Zonas de Carral, Arteixo, Laracha, Cerceda, Cambre, Oleiros, Abegondo… comparten problemas e estilo de vida co Val de Veiga. A unión vén sendo unha axuda histórica para a busca de solucións.

Na dinámica actual de globalización, occidentalización, urbanización… (homoxeneización) semella que certas formas de vida están condenadas a desaparecer, talvez polo propio decorrer, ou talvez porque a sociedade non lles concede unha oportunidade. Agora é o momento de procurar alternativas á nosa realidade, hai que buscar o xeito de facer convivir a tradición e a modernidade, rural e urbano, natureza e novas tecnoloxías…

Chuzame! A Facebook A Twitter
Olark Livehelp